Cinco meses despois o balón volve a botar en Montouto

Cinco meses foi o tempo que pasou dende a última vez que escoitamos o bote dun balón de baloncesto en Montouto. A crise sanitaria provocada polo COVID deixounos de golpe sen poder disfrutar do noso deporte favorito.

Agora é o momento de remontar e as primeiras en facelo foron as xogadoras do noso equipo senior feminino, o Peleteiro Hyupersa Santiago.

As rapazas adestradas por Lito García e que esta tempada terán a Pablo Carreira como adestrador axudante, regresaron a Montouto esta semana para comezar a preparar o seu debut na esixente 1ª Liga Nacional Feminina.

As xogadores que formarán o equipo esta tempada fóronse incorporando pouco a pouco e aínda queda algunha xogadora por regresar das súas vacacións e mantense a búsqueda dunha xogadora interior para completar o equipo que representará o Colexio na terceira competición nacional de baloncesto feminino por primeira vez na nosa historia.

Durante estas primeiras sesións o equipo aproveitará para pouco a pouco ir collendo a forma física e terá que adestrar sen oposición, respetando así a normativa vixente para os deportes de contacto.