Clasificación para o Campionato de España Infantil Feminino

Esta pasada fin de semana disputouse en Montouto a Final a 4 da 1ª División Infantil Feminina.
A tempada acabou cunha igualdade incrible, algo que non se lembraba nos últimos anos, con tres equipos que podían proclamarse campións na última xornada de liga.
O campionato, a pesar de acabar cun triplo empate na cabeza, entre as nosas, Bosco Salesianos e Celta de Vigo, leváronllo as de Ourense, ao desfacerse o empate entre os tres equipos co basket average.
O noso equipo ao quedar segundo clasificado da liga regular foi o encargado de organizar a final a 4, que se disputou esta pasada fin de semana.
As dúas semifinais daban acceso ao Campionato de España, xa que a Galicia correspondíanlle tres prazas, a do equipo campión e dous máis.
A primeira das semifinais disputouse o sábado ás 16:00 e nela medíronse os equipos de Allariz e o Celta de Vigo.
Foron as viguesas as que arrincaron máis fortes, marcando un ritmo moi alto de xogo desde o primeiro minuto. As allaricenses foron entrando moi lentamente en xogo, custáballes atopar o ritmo e o seu acerto desde a liña de 3 puntos non era tampouco o doutras ocasións, algo que lastraba moito o seu xogo.
A pesar de que as diferenzas entre ambos os equipos eran evidentes o encontro foi digno dunhas semifinais xa que as de Allariz continuaban pelexando ata o final do encontro.
Xa tiñamos o primeiro clasificado para a final e para o Campionato de España.
Ás 18:00 empezou a semifinal que media ás nosas infantís coas do Estudantes de Lugo.
O partido empezou cun ritmo alto por parte de ambos os conxuntos, algo que propiciaba certos fallos e imprecisións, aínda así o partido era vistoso.
Ao descanso chegábase con 15 puntos de vantaxe para as locais.
Tras o paso polos vestiarios as nosas saíron moi enchufadas, moito máis intensas desenvolvían un xogo máis veloz e pronto a diferenza subiu ata os 30 puntos.
A terceira praza para o Campionato xa tiña dono, agora só quedaba por determinar ao día seguinte a orde final de clasificación e por iso tiñan que medirse o Celta e as nosas.
A final disputouse o domingo ás 17:00
O partido comezou moi intenso, poñendo o equipo do Celta o nivel físico do partido moi alto, algo que ao ter un banco moito máis profundo que o noso lles favorecía.
Aos poucos as viguesas íanse distanciando, non acababan de romper o encontro xa que as distancias non superaban os 11 puntos de diferenza.
Non foi ata despois do descanso que as visitantes rompían o encontro, as nosas continuaron pelexando, pero o encontro xa quedaba decantado a favor das viguesas.
Este resultado fainos quedar na terceira posición, algo que non ten que deixarnos un mal sabor de boca xa que a entrega e o traballo deste grupo foi moi bo ao longo de toda a tempada.
Agora tócalles gozar do Campionato de España que se celebrará en Marín a partir do 9 de Xuño.

Este pasado martes celebrábase o sorteo para o Campionato de España en Marín e o noso equipo quedaba encadrado no Grupo E xunto a: Stadium Casabranca, Oviedo Baloncesto e Mocidade de Ceuta.
Abriremos a nosa participación no Campionato de España o domingo 9 ás 18:00 #ante o Stadium Casabranca de Zaragoza, un día máis tarde á mesma hora medirémonos ao Oviedo Baloncesto e finalizaremos a fase de grupos o día 11 ás 16:30.