Clausurado o Campus 2018 coa internancional do Celta Raquel Carrera

Eva Calvo, Raquel Carrera, Nicolás Fuentes, Pepe Casal,Adriana Pardo, Manolo Vidal e Ana Martínez con Luís Rilo.

O venres 29 de xuño celebrouse a última xornada do Campus Peleteiro e, por fin, saíu o sol.

Xornada final de tristeza e despedidas e certo sabor amargo porque finalmente Blanca Millán non puido recuperarse para estar con nós.

Para a xornada da tarde no acto de clausura que por segundo ano realizamos en Montouto, contamos coa presenza da xogadora internacional de todas as categorías inferiores pertencente ao Celta, Raquel Carrera.

Esta sesión final está dedicada tamén a agradecer o apoio que ano tras anos nos brinda o Centro Comercial Compostela-El Corte Inglés para o cal estivo con nós a directora de Relacións Institucionais e Comunicación Eva Calvo.

Xunto a elas, presidiu o acto final Manuel Vidal, Presidente de ADM Peleteiro, Pepe Casal, director do Campus e Ana Martínez, Delegada de Deportes do Colexio M. Peleteiro e coordinadora do Campus. Actuou de mestre de cerimonias Fran Soriano.

Como é tradicional, todos os participantes recibiron o correspondente diploma asinado por Pepe Casal, a camiseta conmemorativa da edición de 2018 e diversos agasallos proporcionados polo Centro Comercial Compostela.

Tamén recibiron os seus correspondentes recoñecementos os máis destacados a título individual.

O acto pechouse coa sorpresa da xornada. Sabida xa a marcha oficial de Luís Rilo coa homenaxe que recibiu por parte do Colexio M. Peleteiro, do Club e dos adestradores o pasado 15 de xuño, este era tamén o seu último Campus. Deste xeito recibiu da man  do premini Niclolás Fuentes e da infantil Adriana Pardo, un cadro coa camiseta de sempre de Peleteiro. Nel van os dous lemas que creou e que nos acompañaron as últimas tempadas:

Adestramos xogadores; formamos persoas.”

e

“Camiñar cos pés na terra e os ollos nas estrelas.”

O que El Correo Gallego define hoxe como “hombre para todo” dos últimos 14 anos en ADM Peleteiro, pon punto final a unha etapa e deixa o camiño aboado para que o futuro siga a ser brillante.

Xa só nos queda, dar as grazas a todos os monitores, adestradores e axudantes que ao longo destes cinco días traballaron sen descanso para que todo saíse ben.

Deixámosvos a foto oficial e emprazámosvos para a próxima edición.

Grazas por virdes!!

Todas as imaxes xa actualizadas seguindo esta ligazón.