Decididos equipos e adestradores para as competicións locais

Rematado o  proceso de designación de adestradores e confección de cadros de xogadores para todos os equipos que competirán en 1ª división (ámbito autonómico), quedaba por completar o traballo de inscrición de equipos e asignación de técnicos para os que o farán nas ligas locais e zonais (2ª división).

En categoría júnior teremos un equipo masculino á fronte do cal estará David Pérez. Adestrador no noso club desde a tempada 2008-09, asume o reto de cohesionar o grupo dos nosos júniores coa misión de estar en estreita colaboración co sénior masculino e todos os que o merezan coa 1ª división a través de Obradoiro Peleteiro.

O número de xogadoras júniores obrigounos a confeccionar dous equipos. Aínda que ambos escasos de efectivos, o grupo de 1º ano que pasaron de cadetes, competirá en 2ª división da man de Carlos Souto. Vencellado a ADM Peleteiro como axudante dende a tempada 2015-16, este adestrador co títlulo de Nivel II, asume agora o reto de dirixir este equipo no que tres xogadoras competirán tamén todas as semanas na 1ª división co equipo de Víctor Fernández.

En categoría cadete masculino, o número de xogadores obríganos outra volta a facer dous equipos. Todos eles traballarán en dinámica de participación cos de 1ª división. Tres xogadores cada fin de semana poderán completar o grupo de categoría autonómica. Peleteiro B estará baixo a batuta de Antonio Pinaque, recén aprobado o Curso de Entrenador Superior (máxima titulación existente) e no club dende a tempada 2012-13. Traballador infatigable, sen límites máis que as horas do día, seguirá aprendendo con este grupo.

Peleteiro C contará coa veteranía de Gus Bandín, toda a vida relacionado co club como xogador e posteriormente como adestrador dende a tempada 206-07. Este mestre do pádel ten moito básquet dentro para que os seus rapaces poidan medrar con el.

Na categoría feminina, todas as xogadoras de 1º ano que veñen de competir en 1ª división infantil están perante un ano decisivo para dar o salto definitivo. Víctor Fernández axudaraas a madurar en 2ª división e semanalmente tres tamén o farán competindo coas de 2º ano.

E, finalmente, en categoría infantil teremos dous equipos: un masculino e outro feminino. Peleteiro B masculino estará baixo as ordes de Roi Martínez, adestrador de Nivel II e con nós dende a tempada 2012-13. Un nutrido grupo que tamén terá a oportunidade de vivir a 1ª división semanalmente.

Peleteiro B feminino contará Fran Soriano (Nivel II, incorporado en 2008-09) xogador en activo do equipo sénior e gran coñecedor da competición na que o ano pasado tamén co grupo de 1º ano, acadou o título de liga.

A todos eles, sorte no seu traballo. Só pedirlles dedicación e entrega á súa tarefa educativa. Todos os nosos xogadores agradeceranllelo no futuro.