O Colexio M. Peleteiro acolleu a derradeira concentración de baby basket por esta tempada

Nacidas na tempada 2016-17 como unha maneira de dar cabida dentro dos clubs aos nenos de 1º e 2º de Primaria, nesta tempada continuaron as concentracións de baby basket.

Un sistema de reunión de todos os clubs que contan con equipos federados destas idades no que se xogan partidos sen marcador e nos que o único que prima é a convivencia entre os distintos nenos e nenas.

Esta tempada programáronse 7, comezaron o pasado mes de decembro, e correspondíalle organizalas aos diferentes clubs que dispuñan de instalacións ao efecto. Deste xeito, Os Tilos (decembro) acolleu a primeira, A Estrada a 2ª (xaneiro) e a 6ª (maio, en substitución de Cluny), Milladoiro a 3ª (febreiro), Noia a 4ª (marzo), Compañía a 5ª (abril) e finalmente a 7ª (xuño) no Colexio M. Peleteiro.

Deste xeito, o pasado domingo día 3 de xuño, concentráronse en Montouto todos os equipos distribuídos en 3 pistas e xogando dende as 10:00 ata as 13:30.

O ambiente foi marabilloso, as bancadas estiveron ateigadas de pais e familiares desexosos de ver os primeiros pasos no mundo do baloncentos dos seus fillos.

Todo saíu á perfeccións grazas ás magníficas instalacións do Colexio, ao labor organizativo de ADM Peleteiro encabezado por Ana Martínez e ao nutrido grupo de colaboradores (adestradores e xogadores) do club.

Entre os participantes os nosos dous equipos, Peleteiro Azul e Peleteiro Verde que logo acompañarían ao equipo sénior na recollida do trofeo como subcampións de liga de 2ª división masculina.

Desde aquí dar as grazas a todos pola súa participación e agardar que a próxima tempada esta experiencia volva tomar corpo.