O Colexio M. Peleteiro e Obradoiro CAB renovan a súa alianza

O director posa cos seus alumnos antes de comezar a presentación: Lolo e Luis (cadetes), Enrique, Álex, Diego, Fernando, Jose, Juan e Blas (júniores).

Este martes 9 de maio no salón de actos do Colexio M. Peleteiro procedeuse á presentación pública perante os medios da renovación do convenio de colaboración subscrito o 1 de abril de 2015 entre o Colexio M. Peleteiro e Obradoiro CAB.

Daquela, as catro partes asinantes (Obradoiro Cab, Obradoiro Cab SAD, Fundación Heracles e Colexio M. Peleteiro) acordaran establecer un acordo de colaboración por dúas tempadas para favorecer a maduración deportiva e académica dos xogadores integrantes do equipo júnior que pasaría a chamarse Obradoiro Peleteiro.

Dous anos despois, todas as partes coinciden en sinalar a satisfacción acadada nestes dous últimos anos que permitiu que o equipo júnior Obradoiro Peleteiro adestrase e xogase nas instalacións deportivas do Colexio M. Peleteiro e que catro dos seus xogadores estivesen becados academicamente no centro.

Fixo posible ademais un traballo de sinerxias colectivas en virtude do cal, sen perder un ápice da independencia de ambas estruturas deportivas (ADM Peleteiro e Obradoiro Cab), a colaboración fose máis alá dese equipo júnior. Ao longo, da campaña que vén de rematar, por exemplo, dous xogadores cadetes de ADM Peleteiro estiveron en dinámica de traballo con Obradoiro Peleteiro júnior e, previamente, fixo posible tamén que catro xogadores cadetes de ADM Peleteiro se integrasen no júnior de Obradoiro Peleteiro. O resultado final, nesta tempada, recén rematada a nivel deportivo, 9 alumnos do Colexio M. Peleteiro estiveron integrados directa ou indirectamente neste proxecto.

O director do Colexio, D. Luis Peleteiro, toma a palabra para proceder a comunicar a renovación do Convenio.

O que se fixo esta mañá foi asinar e presentar unha renovación deste convenio para dúas novas campañas (2017-18 e 2018-19) mantendo a base do acordado. Asistiron á presentación, á parte do director do Colexio, D. Luis Peleteiro, Pepe Casal (como Presidente da Fundanción Heracles) e Óscar Rodríguez Gutiérrez  (representando ao Consello de Aministración de Obradoiro CAB SAD).

Dado que a rolda de prensa servía tamén como previa ao penúltimo partido de liga ACB, na mesa estiveron Moncho Fernández e Txemi Urtasun, adestrador e xogador e Rio Natura Monbus Obradoiro.

A coincidencia xeral de todos os que tomaron a palabra foi sinalar a súa vinculación co Colexio, comezando por Pepe Casal (adestrador en ADM Peleteiro e director do noso Campus), Óscar Rodríguez (ex-alumno e pai e tío de xogadores actuais de ADM Peleteiro) e rematando por Moncho Fernández (ex-alumno e adestrador).

A presentación serviu á parte de para resaltar o valor do acordo que permite continuar cun traballo de colaboración que dará froitos no futuro porque como ben dixo M. Fernández, o traballo de canteira é lento, calado e a longo prazo. Con todo estes primeiros pasos, nos que a aposta de Luis Peleteiro concretada na confianza na súa Agrupación Deportiva (con máis de 500 alumnos federados en distintos deportes e 325 na súa sección de baloncesto) representada polo seu Presidente, Manuel Vidal, xa están dando os seus primeitos froitos.

A foto final dá por renovado este acordo. Agora toca poñerse a traballar.

Esta tempada, o equipo accedeu á fase final júnior e o equipo sénior masculino (integrado por varios xogadores saídos da primeira tempada de colaboración) vén de xogar a fase de ascenso a liga EBA amén de que, ao longo desta tempada, como recoñeceu o propio adestrador, varios destes xogadores participaron na dinámica de adestramentos do equipo de ACB sobre todo nos momentos nos que as lesións estiveron máis presentes.

Non quixo deixar pasar a ocasión, Pepe Casal, de felicitar a Moncho Fernández e Txemi Urtasun por ese título da salvación xa conseguido ao que desde aquí nos sumamos.

Un colexio de referencia en España (6º na última clasificación dada a coñecer) abre as súas portas ao deporte e á posibilidade de combinar unha excelente formación académica coa práctica deportiva.

O esforzo é grande, pero o proxecto e a cidade meréceno.