Peleteiro recolle a copa de subcampións e celebra o ascenso a 1ª división

Os integrantes de Peleteiro BB Azul fánllelo corredor aos seus pais.

O pasado domingo coincidindo coa derradeira concentración do baby basket os xogadores e o corpo técnico do equipo sénior masculino de Peleteiro recolleron a copa e as medallas que os acreditan como subcampións de 2ª división.

O equipo adestrado por Fran Varela tendo como axudante a Antonio Pinaque e delegado de equipo a Rubén Gerpe, pechou unha brillante campaña na 2ª división masculina o pasado 26 de maio ocupando a 2ª divisón e certificando o ascenso á máxima categoría do baloncesto galego, a 1ª división.

O equipo está integrado polos veteranos e incobustibles David Pazo, Nando Vicario, Fran Soriano e Álvaro Raviña. Rexuvenecidos por Pedro González Piñeiro, Brais Domínguez e Carlos Nogueira. Completaron o equipo esta tempada Carlos Blanco procedente de Peleteiro júnior e Ramón Blanco de Obradoiro Peleteiro júnior. Sen esquecer a colaboración semana a semana dos júniores de Peleteiro e Obradoiro Peleteiro (vinculado).

Os integrantes do equipo baby e os séniores celebra o título.

ADM Peleteiro quixo aproveitar a celebración da concentración que pechaba a tempada no baby basket na delegación de Santiago e na que participou con dous equipos de 1º e 2º de Primaria para que os xogadores recibisen as medallas e Fran Soriano (capitán) erguese a copa de man do representante da FGB José Manuel Castelao que estivo axudado por Luís Rilo representando á ADM Peleteiro quen aproveitou para despedirse deles e ir poñendo fin aos seus 14 anos ininterrompidos de amor e dedicación ao club.

O motivo de escoller esta data débese a que o equipo de babies Peleteiro Azul está integrado por fillos de xogadores ou ex-xogadores de Peleteiro. Estes fixéronlles o corredor aos seus pais e recolleron a copa con eles.

Con este subcampionato Peleteiro consegue o ascenso a 1ª división. Queda agora por diante un longo traballo de programación e planificación de cara á próxima tempada na que o equipo seguirá a rexuvenecerse coas novas incorporacións procedentes dos equipos júniores de ADM Peleteiro.

Agardemos que os éxitos sigan e os ilustres veteranos que celebran o seu cuarto ascenso co club sigan a dar leccións de baloncesto polas canchas.

Sorte amigos!!

Luís Rilo (2004-2018)