Presentada a XXV edición do Campus de Baloncesto

Esta mañá, no salón Ámbito Cultural de Centro Comercial Compostela procedeuse á presentación da edición das vodas de prata do Campus Peleteiro.

Nacido no ano 1992 e coa paréntese de 2010 polo traslado do Colexio do centro urbano de Compostela a Montouto, chegamos a este 2017 onde esta criatura cumpre os seus vinte e cinco anos.

Unha edición máis da man de Centro Comercial Compostela – El Corte Inglés onde facemos a presentación oficial e a clausura. Na posta de longo de hoxe estiveron presentes Paty Blanco (representando a El Corte Inglés), Manolo Vidal (ADM Peleteiro), Juan Carlos Pérez (Colexio M. Peleteiro) e Pepe Casal (dirección Campus).

Desenvolverase, tal como alí se deu a coñecer, de luns a venres (26 a 30 de xuño), contará coa dirección técnica de Yago Casal e a coordinación loxística de Ana Martínez. Previsto para 200 participantes entre 7 a 16 anos, apenas quedan xa unhas poucas prazas por cubrir.

A inscrición pódese facer de xeito sinxelo a través de internet seguindo esta ligazón.

Tal e como deu a coñecer Pepe Casal na presentación e por tratarse dunha edición especial, á parte do mestre de cerimonias para a clausura de todos os anos, Fernando Romay, agardamos que cadre a súa axenda para que nos visite Juan Carlos Navarro. E, como non, a agaora xa estrela da NCAA Blanca Millán volverá a casa e compartirá con todos nós, a súa familia, a súa experiencia e evolución sempre e cando unha hipotética chamada e concentración da selección U19 non llo impida.

Substitúea no cartel da edición deste ano, como podedes ver na imaxe, a nosa xogadora cadete Marina Canzobre que relevou a Blanca nas convocatorias da selección española.

De entrada xa, a nosa benvida a todos os inscritos. Vémonos axiña!

Tríptico campus 2017