Rematou a fase previa para os júniores cunha nova derrota

          PELETEIRO || CIDADE DE LUGO

48 || 51

Pechabamos a primeira fase da liguiña de ascenso a 1° división en Montouto coa visita do  Cidade de Lugo, un equipo moi físico e cun potente xogo interior.

Durante o 1° cuarto mantívose a igualdade no marcador  grazas a un intenso traballo defensivo e ao acerto en ataque onde o equipo conseguía anotar de xeito equilibrado tanto dende o perímetro como dende cerca do aro (14-14).

No 2°cuarto continuaba a igualdade e aínda que o rival cambiaba a defensa zonal, nós seguiamos  xerando vantaxes e anotando con certa fluidez mentres defensivamente seguiamos traballando duro sobre todo no rebote defensivo para conter ao rival (11-7). Descanso (25-21)

O equipo saltaba á cancha no 3°cuarto moi activado tanto en defensa como en ataque rompendo a presión do rival e materializando as superioridades que conseguía mentres un cambio a defensa zonal facía que os lucenses tivesen máis problemas para anotar pechándose un parcial de 13-9 que nos poñía con unha vantaxe de 8 puntos.

No derradeiro cuarto o Cidade de Lugo mostrouse máis acertado dende o perímetro. Dúas triplas máis dúas perdas “non forzadas” facían que se igualase o marcador. As nosas forzas tamén comezaron a  flaquear e agora si que o seu xogo interior impoñíase. Aínda así o equipo tivo opcións claras de facerse coa vitoria, pero varios erros  cerca do aro e a baixa porcentaxe nos tiros libres facía que os lucenses se levasen a vitoria (10-21). Final 48-51.

As estatisticas e os resultados déixannos tres derrotas pero o equipo demostrou unha competitividade, motivación e xenerosidade no esforzo que para a nosa estatística son vitorias. Somos un equipo en construción e aínda cometemos moitos erros, pero nesta liña e traballando arreo deixaremos de cometelos.

En hora boa ao equipo polo seu traballo neste comezo de tempada. A seguir así.

FasespreviasX2 (4)Fase previa júnior masculina, grupo C, xornada 3ª

Pav. Montouto, domingo 20 set, 12:00

Parciais: 14-14 / 11-7 || 13-9 / 10-21

Xogaron e anotaron:

Germán Sastre (3), Diego Manso (14),

Miguel López (2), Iván Bértolo (10),

Carlos Nogueira (9), Óscar Fontán,

 Pablo Paseiro), Víctor Fagín (4),

Iago Seijas e Miguel Ruanova (6).