Resumo e galería da participación do equipo Infantil no Campionato de España

Desde o pasado domingo 9 de Xuño vén celebrando na localidade pontevedresa de Marín o Campionato de España Infantil Feminino de Baloncesto no que cal participou o noso equipo Infantil Feminino.
O sistema de competición do Campionato de España divide os equipos en 8 grupos, nos 4 primeiros grupos (do A o D), 3 dos catro equipos pasan á seguinte rolda (oitavos) mentres que o cuarto equipo queda eliminado do Torneo. Nos 4 seguintes grupos (do E ao H) quedan eliminados 3 equipos de cada un, pasando á rolda de oitavos só o primeiro de cada grupo.
Ao noso equipo tocoulle participar no grupo E no que compartía sorte co Stadium Casablanca de Zaragoza, o Liberbank Oviedo e o IES 7 Colinas Juventud de Ceuta.
Catro equipos que partíamos coa esperanza de lograr quedar primeiros de grupo e poder pasar así a oitavos.
O noso primeiro partido disputámolo na tarde do domingo no Pavillón do Colexio San Narciso. En fronte tiñamos ao Stadium Casablanca de Zaragoza. O equipo zaragozano é un clásico do baloncesto de formación feminino, canteira do Mann Filter de Zaragoza e que participou na pasada Mini Copa da Raíña na que chegou a disputar as semifinais.
Tiñamos diante de nós a un moi bo rival. O equipo empezou moi metido no partido, moi intenso e con boas decisións no ataque, conseguíamos anotar e estar no partido facendo que o rival estivese incómodo.
No minuto 5 do primeiro cuarto e con 10-10 no marcador o equipo sufriu a lesión de Noa Hermida. Nunha saída de presión, Noa freouse para evitar ás defensoras e pasar o balón a unha das súas compañeiras, sufrindo nese momento unha forte dor no seu xeonllo, que obrigou a parar o xogo e atendela.
Este parón e o susto da lesión de Noa afectou o equipo que tardou bastante en recuperarse, non volvendo anotar durante este período nin parte do seguinte.
Aos poucos as nosas foron atopando o seu sitio na pista e a pesar de que Stadium lograra unha renda importante seguíamos tratando de agarrarse ao encontro.
Foi a principios do último cuarto cando o noso equipo tirou de coraxe para tentar a remontada e baseándose nunhas boas defensas lograba recortar a diferenza dos 21 puntos ata os 5. Pouco nos durou esta recuperación xa que as zaragozanas anotaban unha tripla sobre a bocina de posesión para poñerse a 8 e no seguinte ataque perdíamos un balón que nos levaba aos 10 puntos de desvantaxe. Aínda así as tratamos, aínda que xa á desesperada de recortar distancias, pero a precipitación é mala aliada e estas accións propiciaron que as de Zaragoza puidesen romper xa definitivamente o encontro.
Sen dúbida as nosas rivais, moito máis acertadas no tiro de 3 puntos con 8 anotados! e moito máis poderosas no rebote, foron xustas vencedoras do encontro aínda que as nosas merecían unha desvantaxe moito menor.
Neste partido temos que destacar a coraxe e a forza do equipo, xa que cando peor estaba o encontro lograr engancharse de novo a el.
Non podemos estar máis que orgullosos delas e do encontro que realizaron.

Estas son fotos de este partido:

O luns no pavillón da Raña disputamos o segundo encontro. Este se cabe aínda máis intenso que o do día anterior. Xa coa baixa de Noa pero coa clara intención de todo o equipo de tratar de lograr a primeira vitoria nun Campionato de España, facía que todas saísen moi motivadas. Enfronte un equipo que na xornada anterior vencera claramente ao IES 7 Colinas Juventud de Ceuta e que impoñía un ritmo moi alto ó encontro.
As nosas, lonxe de amedrentarse, mostraron a súa mellor cara, en ningún momento deixaron que as ovetenses se puxesen por diante no marcador.
Rápidos contraataques e transicións por parte de ambos os equipos, ritmo frenético en cada acción e moitas posesións foron os acenos deste encontro que acabou decantándose ao noso favor.
Lograbamos así, merecidamente, a primeira vitoria do equipo neste Campionato a primeira vitoria para todas as nosas xogadoras nun Campionato de España de Clubs xa que todas eran “novatas”, o cal desatou a alegría chegando nalgún caso ás bágoas de emoción 🙂

Fotografías do encontro:

O mércores tocábanos xogar o noso último encontro no Campionato e tocábanos cambiar de pavillón. Nesta ocasión xogabamos no Sequelo contra o IES 7 Colinas Juventud.
O plan de partido foi que todas as xogadoras levasen un bo recordo do Campionato de España e que todas gozasen do maior número de minutos posible.
Desde o primeiro minuto notábase que as nosas sabían que era o último encontro e que non ía influír no resultado final do Campionato, custábanos entrar no partido. En ataque anotábamos con facilidade pero en defensa a entrega non era á que estabamos afeitos.
Aos poucos o equipo foi atopando o seu sitio, a súa posición no campo era moito mellor, tomábamos mellores decisións en ataque e en defensa as axudas funcionaban e o 1×1 defendiámolo correctamente.
Atragantábase un pouco o ataque en estático contra a defensa en zona exposta polas visitantes, pero pronto atopamos a solución e acabamos circulando correctamente o balón para anotar con claridade e levarnos unha vitoria que baseamos no traballo colectivo. Conseguíamos así a segunda victoria no Campionato, algo máis que meritorio.

Destacar tamén que neste encontro a nosa xogadora Carmen Suárez acadou o recoñecemento como MVP da xornada, con 36 puntos de valoración froito do seus 21 puntos, 10 rebotes, 8 roubos, 1 tapón e 4 faltas recibidas.

Esta será sen dúbida unha gran experiencia para todos os que formamos parte do grupo que representou ao colexio no Campionato de España. O comportamento, compromiso e entrega de cada unha das xogadoras foi sobresainte tanto dentro como fóra da pista. Agardamos que o recordo da súa primeira participación nun Campionato de España de clubs sexa tan bo para elas como o foi para os que as acompañamos e saiban valoralo no tempo.
Queremos agradecer a predisposición dos pais para os traslados das xogadoras e poñerse ao noso “servizo” para axudarnos en todo, así como por confiarnos ás súas fillas durante estes días.
E ás xogadoras darlles as grazas por escoitarnos, seguirnos e confiar nas nosas decisións e SUMAR sempre para que todos gozásemos desta experiencia. E xa de paso lembrarlles que o camiño a seguir é o do traballo e autoexixencia, tratar de continuar coa mellora individual e colectiva para lograr nalgún momento volver gozar de experiencias como a que vivimos esta última semana.

Moitas grazas e noraboa:

De arriba a abaixo e de esquerda a dereita:

Lucía Carabán, Alba Moure, Noa Hermida, Adriana Martínez, Víctor Fernández, Uxía Lazo, Carla Leza, Carmen Suárez, Pablo Carreira

Nuria Otero, Carmen Crecente, Marta Sanmartín, Xiana Filgueiras, Jimena Lorenzo, Sofia Pino