Terceira xornada do CAMPUS

A choiva recibiunos esta mañá no CAMPUS, non era o que tiñamos previsto, pero o tempo é así de caprichoso.
Lonxe de velo como un impedimento procedemos a reorganizarnos, para poder aproveitar mellor as nosas pistas e gardar a crema solar, porque esta mañá non a iamos a necesitar 😉
Os minis empezaron traballando por estacións, expondo distintos exercicios en cada unha delas nas que traballamos aspectos técnicos como o bote, o pase, a coordinación…
Os infantís e os cadetes puideron comezar os seus torneos de 5×5 do mesmo xeito que os babys e os preminis.
Pola mañá tamén tivemos a visita de Rodrigo Gómez, o ex-xogador da canteira do Obradoiro que esta pasada tempada vestiu a camiseta do Basket Navarra da LEB PRATA.
Rodrigo estivo a compartir a mañá con todos os grupos, chegando a xogar un 1×1 contra cada un dos xogadores minis. Ademais como o resto de invitados estivo a departir con eles, respondendo as súas preguntas, desde as típicas de “que número calzas” ata outras máis curiosas sobre o xogo ou que teñen que facer para chegar a adicarse ó baloncesto profesional.
Despois da comida os equipos volveron os adestramentos, tras eles chegaba o concurso de habilidades, onde nun circuíto adecuado para cada idade tiñan que superar unha proba de habilidade.
Xa como último chegaba o momento da merenda e posterior piscina, que tal e como quedou o día aliviou a calor de todos os participantes.
Chegamos hoxe ó ecuador do CAMPUS, sen ningún incidente e con todos os nenos e nenas gozando do noso deporte. Quedan agora por diante dous días nos que saberemos os nomes dos distintos gañadores das probas individuais, as finais de 3×3 e 5×5 así como os participantes do ALL STAR, do Concurso de mates…moito espectáculo por diante nestes dous días…:)
Mañá todos os participantes do CAMPUS terán a visita de Víctor Pérez, adestrador axudante do MONBUS OBRADOIRO.

Esta é a galería de fotos de hoxe: