Os séniores abren a tempada cunha vitoria doada

Caferlo Viveiro 39  Peleteiro 75

2º división masculina, grupo norte, xornada 1ª. Pavillón municipal de Viveiro, sábado 25, 18.00h

Parciais: 18-23, 5-11 (23-34 ao descanso); 6-26, 10-15 

5 Inicial: Raviña, David, Vicario, Soriano e Martino.

Xogaron e anotaron: David (9), Martino (11), Aitor (4), Soriano (15), Vicario (10), Raviña (13), Vicente (1), Brais (2), Pedro (7). Non xogaron:  Giani por lesión e  Nacho por enfermidade. Sen eliminados.


 

    Presentabámonos en Viveiro, tras unha longa pretempada, con tan só nove xogadores pola  consabida baixa de Giani (lesionado) e a de última hora de Nacho por enfermidade. Enfronte un bo equipo que a tempada pasada quedara terceiro e tamén con baixas e novo adestrador.

    Os dous equipos comezamos máis enchufados en ataque que en defensa. Mentres nós faciamos dano dende o exterior (as 3 primeiras canastras nosas foron triplas para culminar con cinco no primeiro cuarto), eles cargaban o seu xogo nos interiores que sacaban puntos dende o poste baixo.

    No segundo cuarto axustáronse mellor as defensas e tras uns minutos de atasco en ataque, pasamos de novo a circular ben o balón e volvemos a anotar, para chegar ao descanso cunha vantaxe  de 11 puntos.

     O paso polo vestiario foi decisivo. O equipo saíu tremendamente intenso e concentrado en defensa, mentres en ataque Raviña e Martino daban un recital de xogo co pick&roll que os locais eran incapaces de defender. En cinco minutos disparamos a vantaxe ata os 25 puntos e unha descualificante a un xogador local facía que os viveirenses se fosen totalmente do partido.

     No último cuarto os dous equipos seguiron competindo ben, pero xa estaba todo decidido.

   Para a vindeira semana non hai liga por mor do festivo e debutaremos na casa contra o recén descendido Sarria, o sábado 8 de outubro ás 18:00 en Montouto.

Os colexiais atenden as indicacións de Fran Varela. / Foto: Luís R.
Os colexiais atenden as indicacións de Fran Varela. / Foto: Luís R.

(Fran Varela, adestrador do equipo)